O pasado día 13, coa colaboración da Fundación do Secretariado Xitano presentamos o último estoxo deste curso, que nesta ocasión non nos achegou a un país concreto, senón á cultura e tradicións do pobo xitano, espallado por todo o mundo e con grande presenza no noso país.
Así comezamos achegándonos a elementos básicos da tradición xitana, como a bandeira, o himno, os traballos tradicionais… A continuación, para os máis pequenos, presentamos o conto de Lucinda y el inspector vinagre, e propuxemos un xogo no que os participantes tiñan que ir recoñecendo sons propios da cultura xitana: uns tacóns, unha guitarra, unhas palmas…
A gastronomía tamén tiña cabida neste estoxo, e tres mulleres da asociación presentáronnos receitas propias dos xitanos españois, portugueses e rumanos. Para rematar a festa, e antes da degustación destas deliciosas receitas, un pouco de música da man dos membros máis novos da Fundación Secretariado Xitano.
Non tedes máis que ver as fotos colgadas no Álbum da biblioteca para facervos unha idea…
O estoxo xa está dispoñible para o préstamo, e animámosvos a que o levedes para casa para gozar de todo o seu contido!