A Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas formou parte do III Encuentro Cultura y Ciudadanía, no que presentou o seu proxecto de integración «Achegando Culturas» e que tivo lugar os días 28 e 29 de setembro do 2017 en Matadero (Madrid).
O III Encuentro Cultura y Ciudadanía, organizado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, abordou as dimensións que, hoxe en día, implica o goce e o exercicio da cultura, nos termos de acceso e produción. Cuestións como autonomía e democracia cultural, o papel da cultura no espazo público ou as relacións entre cultura e educación foron algúns dos eixos centrais deste encontro.
Temas nos que encaixa á perfección este proxecto da biblioteca en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano que traballa a integración á cultura, á formación e á información de moitas persoas que están en risco de exclusión social e laboral.
A biblioteca “Xosé Neira Vilas” é unha biblioteca pública, tanto pola titularidade, que é municipal, como polas persoas ás que se dirixe: ao conxunto da cidadanía sen ningún tipo de distinción de idade, raza, sexo, relixión, condición ou opinión.
A parte de prestar os servizos tradicionais dunha biblioteca, pon énfase no desenvolvemento de servizos e recursos adaptados ás necesidades culturais e informativas específicas do seu contorno establecendo vínculos de cooperación coas organizacións cidadás da súa área de influencia.
A súa misión é a de ser un centro territorial de comunicación, información e promoción lectora; un espazo referente para a zona, no que a veciñanza acude para xerar demandas, satisfacer as súas necesidades ou simplemente un lugar de encontro, integrador das distintas sensibilidades sociais e vitais que coexisten e conviven ao seu redor.
Ver todas las entradas de Biblioteca Xosé Neira Vilas