Premio Biblioteca Pública y Compromiso Social

A Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas foi seleccionada como finalista para o I Premio Biblioteca Pública y Compromiso Social convocado pola Fundación Biblioteca Social.

A Fundación Biblioteca Social convocou en outubro 2014 a primeira edición do Premio “Biblioteca Pública y Compromiso Social”, co que se pretende impulsar e dar visibilidade a proxectos que estean a levar a cabo as bibliotecas públicas, dirixidos a persoas e colectivos do seu ámbito que vivan situacións de vulnerabilidade e conflito social, e que contribúan a paliar os desequilibrios sociais.

Das 20 propostas presentadas a nivel estatal, 8 son as seleccionadas como finalistas, entre as que se atopa Achegando Culturas, un proxecto que a Biblioteca Neira Vilas e o dispositivo da Fundación Secretariado Xitano en Vigo levan realizando dende o 2012; un proxecto no que as dúas entidades traballan para fomentar a lectura, a integración e a diversidade social entre o colectivo xitano da nosa comunidade.

Podedes ver todos os traballos seleccionados no seguinte enlace:
Premio Biblioteca Pública y Compromiso Social.

A través do programa Achegando Culturas organízanse diferentes visitas temáticas á biblioteca con lecturas públicas, visionados, audicións, etc. que contribúen a fomentar a lectura, pero tamén a potenciar habilidades sociais en grupos de exclusión. Trabállase tanto con grupos de adultos nos que se integran xitanos españois, portugueses e romaneses como con grupos de nenos a partir de 10 anos dende os ámbitos da educación e a prevención.

Dentro das liñas de actuación do programa elaborouse o Estoxo Xitano, unha maleta viaxeira sobre a cultura xitana dispoñible en préstamo para os usuarios da biblioteca e na que se poden atopar todo tipo de materiais e propostas de actividades.

Ademais, a biblioteca ofrece á Fundación consello e guías de lectura para os seus usuarios, escollendo entre as dúas entidades as lecturas que máis se adecúen ao público xuvenil e adulto das súas aulas; e imos incorporando novas accións para colaborar en conxunto, accións que se adecúan a realidade e as necesidades de ambas as dúas institucións.

Deixámosvos os enlaces á presentación do proxecto e ao vídeo promocional:

Vídeo promocional Achegando Culturas

Presentación Achegando Culturas

Bibliotecas de Fronteira na Fronteira do Futuro

29 de maio, tivemos o privilexio de participar no I Seminário Norte de Portugal – Galiza sobre Bibliotecas “Bibliotecas de Fronteira na Fronteira do Futuro”. Unha maravillosa xornada na que puidemos ver o traballo realizado polas bibliotecas públicas nas dúas beiras do Miño e que xirou en torno a catro eixos: a labor da biblioteca pública, as bibliotecas na era dixital, as bibliotecas en rede e na rede, e o papel social das bibliotecas. Este último apartado, moderado por Luis Alvim, foi no que participou a biblioteca Neira Vilas co programa “Achegando Culturas”, xunto con Gorete Afonso da Biblioteca Municipal de Montalegre que presentou o seu proxecto “As bibliotecas instituições promotoras de empreendedorismo social: itinerâncias sociais e culturais com seniores barrosões”.
Anxo Alberte e Mar García presentaron este proxecto que realizamos en colaboración co Secretariado Xitano e polo que fomos finalistas no I Premio Biblioteca Pública y Compromiso Social convocado pola Fundación Biblioteca Social. Este programa ten como obxectivo a promoción lectora como fonte de información, de aprendizaxe e enriquecemento, e dá a coñecer outras culturas e realidades diferentes entre o colectivo xitano.
Neste enlace podedes botarlle unha ollada a todas as imaxes do Seminario Norte Portugal – Galiza